A Factoría da Innovación e o Clúster TIC amosan en Santiago métodos para levar unha empresa ao máis alto

venres, 28 de febreiro do 2014 Redacción

Presentación dos obxectivos da Factoría da Innovación da Coruña ante as empresas do Polígono da Grela

O vindeiro xoves 6 de marzo, ás 17 horas, a sede de FEUGA en Santiago vai dar acollida a un evento de interese para profesionais da innovación e emprendedores da nosa terra que teñan en mente unha idea de mercado e busquen xeitos de fomentar que esta se materialice. Esta cita, a xornada informativa Vender máis e mellor, o reto de innovador, vén da man da Factoría da Innovación da Coruña e está organizada en colaboración co Clúster TIC Galicia e o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego. O obxectivo, máis en detalle, é amosar ás PEME de Santiago e a súa contorna as actividades que este centro de excelencia realizará na provincia “para desenvolver o potencial innovador de empresas e organizacións”.
Xa nun plano máis concreto, darase a coñecer aos asistentes o Programa de Adestramento Individualizado da Factoría de Innovación da Coruña, a través do cal máis de cen PEME contarán de balde coa axuda dun adestrador especializado en innovación que as guiará e asesorará para que sexan quen de identificar, definir e pór en marcha un proxecto de I+D+i, “que lles permitirá mellorar o seu posicionamento no mercado e o seu potencial competitivo”. Ademais, tamén se detallará o programa de actividades en aberto que a Factoría de Innovación levará a cabo na provincia. Con este fin, darase unha sesión que permita entender o valor deste proceso de subirse ao carro da innovación e algunhas recomendacións prácticas sobre iso.
O encontro en cuestión dará comezo ás 16.45 co rexistro de asistentes. Ás 17.15 desenvolverase o relatorio Vender máis e mellor a cargo de David Cano e Mónica Citores, da Oficina Técnica da Factoría da Innovación da Coruña. Máis tarde será a quenda de Julio Sánchez, consultor da Factoría. A xornada rematará cunha rolda de traballo en rede a disposición de participantes e asistentes.
Ademais da celebración da xornada de Santiago de Compostela, durante a vindeira semana a Factoría de Innovación da Coruña levará a cabo as seguintes sesións de presentación que permitirán difundir a iniciativa entre o tecido empresarial da provincia:
Mércores, 5 de marzo - 17:00 horas - Casa do Concello de Boqueixón (Boqueixón)
Mércores, 5 de marzo - 20:00 horas - Casa da Cultura de Ordes (Ordes)
Xoves, 6 de marzo - 20:30 horas - Recinto Feiral de Curtis (Curtis)

PUBLICIDADE