A FIC ultima os preparativos para a Semana Anita Borg

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Redacción

A científica e investigadora Anita Borg

Tal e como avanzamos hai unhas semanas, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña ía ser co comezo do ano o epicentro da actividade galega arredor da reivindicación do papel da muller no ámbito das TIC. Sen ir máis lonxe, a FIC está a organizar unha serie de eventos que se enmarcan dentro da celebración do aniversario de Anita Borg promovida pola Anita Borg Scholaship Alumni Association (ABSA). Esta asociación, promovida por Google, reúne a antigas bolseiras da Google Anita Borg Scholarship coa arela de promover o papel da muller no mundo das novas tecnoloxías. Dentro da celebración, a Facultade de Informática da Coruña participa e organiza dúas actividades orientadas a públicos de diferentes idades.
En primeiro lugar, WikinformáticA, un concurso cuxo prazo para a presentación de achegas xa rematou e que se dirixiu sobre todo a alumnos de secundaria .
A través deste certame, a comunidade de estudantes tivo que elaborar unha wiki en galego sobre mulleres destacadas na historia das tecnoloxías da información. Os alumnos participaron en grupos coordinados por un profesor do seu centro. O equipo gañador (cousa que está por determinarse, aínda que está previsto que se dea a coñecer a semana vindeira) obterá unha impresora 3D patrocinada polo CPEIG e unha visita ás instalacións de R na Coruña.
En segundo lugar, os días 28 e 29 de xaneiro celebraranse unhas xornadas en colaboración coa Oficina para a Igualdade de Xénero. Nestas xornadas participarán diversas mulleres de éxito no eido das novas tecnoloxías presentando un programa no que se abordará tanto o éxito empresarial, como a pertenza a grupos de desenvolvedores ou a imaxe online.
Programa
28 xaneiro
15:45
- 16:00 — Inauguración
16:00
- 17:30 — Carme Miró. CEO de Apple Tree. Entrevista sobre o éxito empresarial e a importancia da imaxe de marca online.
17:30
- 19:00 — Cristina Gamallo. Co-fundadora de Situm. Experiencia creando unha empresa innovadora de robótica en Galicia.
19:15
- 20:45 — Mariel Martínez. GDG Vigo. GDGs en Galicia, Women in Tech, Tech & ladies.
29 xaneiro
16:00
- 17:00 — Panel: situación laboral das TIC.
Laura Castro, profesora e investigadora da Facultade de Informática.
Fernando Suárez, presidente do CPEIG.
María R. Malmierca, coordinadora de ICT Go Girls e da área de E-learning do CESGA.
17:00
- 17:30 — Presentación de WikinformáticA e entrega de premio.
17:30
- 19:00 — Verónica Ramallal. Fundadora de Pekecha. Imaxe online: social media e marca personal.
19:00
- 19:15 --- Clausura.

PUBLICIDADE