A ETSE acolle o curso Big Data & Data Science a partir do martes 16 de xullo

venres, 12 de xullo do 2013

Será o vindeiro martes 16 de xullo cando se inaugure na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) o curso de verán Big Data & Data Science, organizado polo CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) e dirixido polos profesores da USC adscritos
ao centro Tomás Fernández Pena e José Ramón Ríos Viqueira. O encontro constará de: conferencias, mesas redondas e obradoiros para abranguer o eido dos datos inxentes dende unha perspectiva científica e tecnolóxica, co obxectivo de achegar unha visión actual tanto das principais aplicacións desta tecnoloxía coma do seu desenvolvemento no futuro.
Nos catro días que durará o curso, expertos de prestixio internacional debaterán en Santiago sobre esta temática, tratando as liñas de investigación emerxentes e os eidos de aplicación máis salientables, así como diferentes aspectos relacionados co impacto que supón o manexo de cantidades inxentes de información, tanto a nivel investigador coma dende un punto de vista social e empresarial.
Cómpre dicir que o curso -patrocinado pola compañía galega Bahía Software- será aberto por unha conferencia a cargo de Roi Blanco, de Yahoo!Labs e tratará sobre o presente e o futuro do Big
Data & Data Science
. Outras conferencias ás que se poderán asistir serán as impartidas por Hugo Zaragoza (da empresa Web Says), que falará sobre os desafíos que presenta a análise da información asociada á Web Social; Diego López de Ipiña (da Universidade de Deusto) que amosará algunhas solucións do novo paradigma Non-SQL para o acceso eficiente a grandes cantidades de datos non estruturados; Jorge Amigo (do Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago) que exporá os retos vinculados á análise da información que se están a xerar no ámbito da Bioinformática; Fernando Cucchietti (do Centro de Supercomputación de Barcelona) que describirá os desafíos que implica a visualización de información no universo do Big Data (BD), ou Miquel Sànchez-Marrè que elucidará as técnicas de Análise Intelixente de Datos e a súa relación con esta tecnoloxía. Outros aspectos sometidos a debate neste curso serán o papel do Cloud Computing no BD, a Web Semántica e o Linked Data, a Recuperación de Información na Web ou o manexo de información xeoespacial, entre outras.
Alén de todo isto, no curso Big Data & Data Science haberá tempo para diferentes obradoiros prácticos sobre ferramentas informáticas de cara á análise e ao manexo de grandes cantidades de datos, como Lucene, Cassandra, Hadoop ou Weka.

PUBLICIDADE