A Deputación de Pontevedra pon SmartPEME ao servizo do tecido produtivo de Vigo

xoves, 22 de setembro do 2016 Redacción

Este xoves a Deputación de Pontevedra presentou en Vigo o seu programa SmartPEME, unha iniciativa que substitúe a antiga Rede CPAE 2.0, que ten diferentes centros de operación (Vigo, Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín e Ponteareas) e que se caracteriza por ofrecer a empresas, autónomos e profesionais múltiples actividades formativas e divulgativas en materia de ferramentas dixitais. A presentación celebrouse pola mañá no Centro de Asesoramento SmartPEME de Vigo. Na cita, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, lembrou que SmartPEME está ao servizo do tecido empresarial da cidade e da súa contorna e que se trata “dunha rede de asesoramento, formación e información para a posta en marcha de proxectos, pero tamén para a mellora daqueles que xa existen pero que poden ser mellorados a través das novas tecnoloxías da información".
Silva explicou tamén que a Deputación de Pontevedra ten en marcha SmartPEME coma un programa “que quere estar ao carón da innovación, dos emprendedores e emprendedoras, dos autónomos e autónomas e das medianas e pequenas empresas da cidade de Vigo e de toda a súa área". Igualmente, recordou que “máis do 90% das empresas da área de Vigo son PEME”, e que, polo tanto, “resultaralles de moita utilidade un instrumento coma SmartPEME, que lles permitirá obter maiores beneficios, maior presenza nacional e internacional, mellores resultados, e, en consecuencia, maior eficacia cun claro obxectivo, crear empresas e traballo na zona”.
2.000 firmas asesoradas
Na presentación tamén se fixo saber, a un nivel máis xenérico, que a través de SmartPEME a Deputación asesora hoxe en día a máis de 2.000 empresas na provincia. Ademais, sinalou Silva, trátase dunha cifra en aumento, xa que “cada día son máis os emprendedores e emprendedoras que se suman ao proxecto e, tamén, cada vez máis concellos colaboran para que o programa sexa unha ferramenta útil para apoiar ao tecido empresarial de cada contorna”.
Silva tamén tivo palabras de agradecemento ao alcalde Abel Caballero, que tamén participou no acto e que, segundo a presidenta, está a brindar o apoio para que SmartPEME “cree na cidade unha grande rede de traballo conxunto entre Administracións e tecido empresarial”. O alcalde, pola súa banda, salientou que o programa é “unha demostración máis de que estamos ante unha nova Deputación, unha nova forma de entender a relación entre institucións para tratar cuestións tan importantes como o apoio ás empresas”. E engadiu: “Por primeira vez na historia, imos xuntos Deputación e Concello en algo como establecer novas pancas de competitividade e tecnoloxías nas pequenas e medianas empresas".
Charlas e coloquios
Na presentación, amais de presentarse as características de SmartPEME, completouse a xornada cunha serie de charlas e coloquios para favorecer o networking entre o tecido empresarial da zona. O experto Pablo Galiana impartiu unha charla coloquio sobre transformación dixital das PEME, e, con posterioridade, as persoas asistentes puideron participar na presentación de dúas empresas, unha de Pontevedra e outra de Vigo, “moi internacionalizadas” e que foron capaces de pór en marcha proxectos hoxe xa consolidados.
Seis sedes de seu
O proxecto SmartPEME é un novo servizo de apoio e asesoramento orientado á mellora competitiva de empresas e profesionais e á mellora nas vendas e á eficacia das tarefas, a través das tecnoloxías da información. Para acadalo, a rede conta con seis centros de asesoramento (Vigo, Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín e Ponteareas), dende onde se ofertan actividades e servizos e onde o tecido empresarial pode atopar todo tipo de información e apoio. A rede traballa agora man a man cos concellos, na procura de que o proxecto se oferte coma un servizo propio dos municipios.

PUBLICIDADE