A Deputación de Lugo vai pór en marcha un portal para a busca de emprego
luns 6 de setembro do 2010, por |
A Deputación de Lugo vén de propoñer aos alcaldes e técnicos municipais da provincia un pacto para crear 540 empregos nas profesións de “máis futuro”. A iniciativa Pacto Provincial polo Emprego, que foi dada a coñecer estes días nunha xuntanza con responsables locais de todo o territorio (na imaxe), ten como obxectivo acadar que máis de cincocentos desempregados do contorno xeográfico reciban formación especializada e que sirva para crear traballo en áreas que nada teñen que ver coa demanda de hai tres anos.
O papel que xogarán os Concellos consistirá na captación e selección das ditas persoas en paro, dedicándose a Deputación a labores formativos e á escolma dos mellores lugares para impartir esa formación e para desenvolver actividades laborais. Asemade, asumirá o bo funcionamento da iniciativa a través dun portal de emprego específico, plataforma que se vai poñer en marcha en outubro a través da web oficial da Deputación.
O proxecto en liña, que será semellante a portais internacionais de procura de traballo (como por exemplo Infojobs), servirá entre outras cousas para poñer en contrato ás empresas da provincia cos aspirantes a traballadores. “Neste caso”, sinala a Deputación (que fará de mediadora no devandito proceso), “tamén os Concellos poderán contribuír coa difusión desta ferramenta no seu territorio e coa incorporación de empresas ou desempregados que eles mesmos detecten”.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















