A Deputación de Lugo convoca a vangarda da Internet na xornada #lugoinnova

xoves, 5 de marzo do 2015 Redacción

O vindeiro martes 10 de marzo a Deputación de Lugo organiza unha xornada sobre innovación dixital na provincia de Lugo, #lugoinnova. O evento contará coa presenza de “recoñecidas figuras” do ámbito TIC, “impulsores de innovadores e modélicos proxectos en diferentes ámbitos”, en palabras do organismo provincial. A cita insírese en InnovaTE2: Deputación Dixital, iniciativa cofinanciada nun 80% por fondos FEDER. Desenvolverase no salón de actos do Pazo de San Marcos e a asistencia será de balde, malia que limitada polo aforo do recinto, polo que será necesario reservar praza en www.deputacionlugo.gal.
Un dos temas da xornada será a relación entre a innovación e o medre económico e social dun país, proceso que segundo apunta a Deputación “acelérase de xeito considerábel coa aparición do compoñente dixital, polo que son moitas as persoas, empresas e organizacións que non dubidan en incorporarse e apostar pola tecnoloxía e a rede nos seus modelos de crecemento”.
Entre os participantes estarán José Antonio Rodríguez Salgas, @JoseAntonioJun, alcalde do Concello granadino de Jun, pioneiro en España no uso das redes sociais na participación cidadá (trátase do alcalde co maior número de seareiros en Twitter, indo alén dos 300.000 seguidores).
Tamén participarán Javier Ikaz e Jorge Díaz, creadores do blog Yo fui a EGB, unha homenaxe á infancia dos anos 80, que conta con máis dun millón de seguidores habituais na rede, e autores do libro inspirado na bitácora dixital que logrou situarse entre os tres máis vendidos do país. A cita completarase coa intervención de Alfonso Alcántara, @yoriento, recoñecido especialista en motivación e emprego 2.0.
A xornada desenvolverase entre as 10:30 e as 20:00 horas, e arrincará coa inauguración a cargo do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, @jrgomezbesteiro, quen dará paso a José Antonio Rodríguez Salas, @JoseAntonioJun, que falará acerca do Papel de Twitter na política e a administración pública. O caso Jun.
Ás 12:30 horas intervirán Javier Ikaz e Jorge Díaz, @YoFuiaEGB, co relatorio Nostalxia dixital, no que afondará nas razóns do éxito do seu blog e o libro do mesmo nome e, xa pola tarde, a partires das 17:00 horas, Alfonso Alcántara, @Yoriento, impartirá o obradoiro #SuperProfesional: Reinvéntate en 120 minutos, no que explicará os mellores consellos e os segredos do emprego 2.0, a marca persoal e o emprendemento para atopar e crear oportunidades persoais e laborais, e que o autor analiza no seu libro #SuperProfesional: 6 superpoderes para aprovechar tu talento y alcanzar tus objetivos.
A xornada #lugoinnova é totalmente de balde, malia que limitada polo aforo do salón de actos do Pazo de San Marcos, polo que para asistir será necesario reservar praza, o que se pode facer dende hoxe mesmo, a través de www.deputacionlugo.gal. Todos os asistentes recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia á xornada. As persoas que non poidan acceder ese día poderán seguir íntegro o evento a través de streaming, grazas ao traballo da Fundación TIC, e nas redes sociais de Deputación. Máis información e novidades en blog.deputaciondelugo.gal e nas contas da Deputación en redes sociais.

PUBLICIDADE