A Deputación de Lugo acada un aforro de 50.000 euros grazas á eAdministración

martes, 20 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

A eAdministración, por se quedaba algunha dúbida, é o futuro. Non só permite un traballo máis áxil dos traballadores públicos, senón que pon en xogo máis eficacia e comodidade nos trámites e nas comunicacións coa cidadanía. Por se fora pouco, evita desprazamentos en coche e achega aforro. Así nolo contaron este luns fontes da Deputación de Lugo, que sinalan que o organismo provincial foi quen de reducir en case 50.000 euros máis os gastos correntes no último ano grazas aos procesos de dixitalización integrados no seu seo. A eAdministración aplicada na Deputación de Lugo permite a día de hoxe que cidadáns, empresas e outras administracións poidan levar a cabo máis de 50 trámites “de xeito cen por cen telemático co organismo provincial”.
Estes trámites, engade a institución que preside Xosé Ramón Gómez Besteiro, correspondéronse o pasado ano cun total de 2.100 expedientes administrativos, nos que se asinaron por vía telemática outros tantos documentos, a través de 1.808 entradas na sede electrónica da Deputación.
A cidadanía ten ao alcance da man, engaden fontes do organismo provincial, todo tipo de operacións a realizar dende un computador ou un dispositivo móbil. Por exemplo: solicitar información e inscribirse en calquera das xornadas e divulgación ou accións formativas que organiza a Deputación ao longo do ano; acceder á documentación conservada no Arquivo Provincial; concertar citas previas cos distintos departamentos; trasladar as súas queixas e suxestións; comunicar calquera tipo de incidencia nas vías provinciais; ou mesmo realizar os trámites precisos para acceder, rectificar ou cancelar calquera información protexida pola Lei Orgánica, “de xeito inmediato e sen ter que desprazarse até a sede provincial”.
Asemade, engade a Deputación, “todas as empresas provincia poden beneficiarse de múltiples vantaxes: facer as operacións necesarias para obter as marcas LugoSabe e Lug02; sumarse á plataforma de comercio electrónico osproductosdelugo.com, ou tramitar as súas facturas”. O organismo provincial tamén salienta a súa eficacia no pago a provedores grazas á factura electrónica, “cunha media de 8,9 días dende que se conforma a factura ata que esta se aboa”.

PUBLICIDADE