A Deputación de Coruña lanza na Rede dous videopoemas colectivos de Manuel María

venres, 27 de maio do 2016 Redacción

A Deputación de Coruña prosegue na Internet o seu intenso labor de promoción e divulgación arredor das Letras Galegas e o poeta Manuel María (homenaxeado este ano na festa do do 17 de maio), labor do que xa dimos cumprida conta os días pasados dende Código Cero. Agora, a Área de Cultura do organismo provincial está a difundir na Rede dous videopoemas colectivos, elaborados ao abeiro do programa Manuel María somos nós co que a institución provincial homenaxeou e difundiu a obra do autor de Os soños na gaiola. O videopoema colectivo #OMeuManuelMaría e o videopoema documental De oficio poeta están xa dispoñíbeis en liña para, en palabras da Deputación, “contribuír a difundir e homenaxear a figura do escritor Manuel María”.
O videopoema colectivo é o resultado dunha convocatoria enviada mediante redes sociais, que propoñía ás persoas participantes gravarse recitando o poema Galiza, de Manuel María. Unha vez compartido ese vídeo en redes co cancelo #OMeuManuelMaría, ou ben enviado por canles coma YouTube, email ou Dropbox, realizouse unha escolma e montaxe de todas as achegas. “O vídeo resultante”, explica a Deputación, “é un recitado colectivo en formato audiovisual do dito poema”.
Pola súa banda, De oficio poeta constitúe “unha ollada experimental á obra de Manuel María, cun formato curto e unha linguaxe que camiña entre o documental e a videopoesía”. Conta coa colaboración de persoas próximas a Manuel María: Pilar Pallarés, Xulio L. Valcárcel, Felipe-Senén, Uxía, Margarita Ledo e Mercedes Queixas Zas. No videopoema, Manuel María fala a través dos seus propios poemas e a partir de obxectos que dalgún xeito o representan.

PUBLICIDADE