A Coruña informa que o 80% do seu proxecto Smart City estará operativo a comezos de 2015

mércores, 23 de xullo do 2014 Redacción

O Concello da Coruña presentou este martes 22 novos datos sobre o seu proxecto Coruña Smart City, unha iniciativa que segundo fixo saber o tenente de alcalde Martín Fernández Prado, terá en funcionamento o 80% do seu potencial durante o primeiro trimestre de 2015. A achega destes datos coincidiu coa aprobación da adxudicación de 10 dos 14 proxectos piloto (os catro que fican pendentes licitaranse ou adxudicaranse nas vindeiras semanas, fíxose saber). En total, informou Fernández Prado, presentáronse un total de 43 ofertas de empresas locais e nacionais, resultando 10 empresas distintas. “Isto”, dixo, “pon de manifesto que Coruña Smart City é un proxecto aberto”.
O responsábel de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informou tamén que o investimento para as devanditas licitacións ascende a máis de 3 millóns de euros. Os proxectos aprobados na mañá deste martes son os seguintes: un Sistema de información de eventos multicanle (un portal dirixido a permitir que a veciñanza coñeza vía online a oferta de lecer, cultura e deportes da cidade e contorna, constituíndose tamén como unha plataforma para a interacción entre cidadáns e asociacións culturais), un Sistema de visitas guiadas con realidade aumentada, un Sistema de control de calidade do ar e control de ruído, un Sistema de telecontrol de rega intelixente de parques e xardíns, unha Plataforma de eAdministración (servirá para dar forma á sede electrónica e “facilitará xestións en liña de ducias de procedementos”, informou o Concello), un Sistema de telexestión de contadores de auga e gas, un Sistema de telexestión de redes de abastecemento e saneamento (que permitirá seguir polo miúdo toda a infraestrutura, grazas ao XIS e ao propio sistema de telexestión), un Sistema de control, seguimento e alerta da calidade da auga, un Sistema de aparcamento intelixente (permitirá ver o sistema de rotación de prazas a través dos dispositivos) e un sistema de control e seguimento de eficiencia enerxética en edificios públicos.
Como lembraremos, o proxecto de Coruña Smart City naceu co fin “de deseñar un novo modelo de cidade, empregando as novas tecnoloxías para responder desde a administración á demanda crecente de eficiencia, desenvolvemento sustentábel, calidade de vida e xestión das súas recursos”. O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conta cun co-financiamento dos Fondos FEDER (80%) e un orzamento total de 11,5 millóns de euros. A inciativa artellouse en dúas fases. A primeira, adxudicada en abril do ano pasado á alianza empresarial formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se coñece como “o cerebro da cidade”. Esta plataforma está arestora en fase de probas, “incorporando os servizos municipais e a información interna para polos a disposición das empresas e xerar novos servizos aos cidadáns”, informou o Concello.

PUBLICIDADE