A Coalición ProInternet di que o canon AEDE tería un custe de 1.133 millóns ao ano para os internautas

martes, 22 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

A Coalición ProInternet vén de amosar unha serie de críticas á implantación do canon AEDE, unha iniciativa da Asociación de Editores de Diarios Españoles para recadar compensacións dos agregadores de contido (tipo Google News ou Bing News) que ligan contidos publicados polos sitios web dos medios de AEDE. Esta taxa, sinala a plataforma, tería unha impacto negativo de 1.133 millóns de euros ao ano para os internautas españois. Isto no que se refire á comunidade en liña: as consecuencias a nivel xenérico sería igualmente salientábeis, sinalan, e difíciles de cuantificar.
A xuízo da coalición, as empresas veranse negativamente afectadas, tanto que se promoverá a deslocalización de moitas delas, amais de promoverse “unha importante perda de empregos en sectores de alto valor engadido”.
Estas e outras conclusións figuran nun informe feito por Analistas Financeiros Internacionais (AFI) para a Coalición ProInternet. A presentación destes datos coincide coa tramitación parlamentaria do texto refundido da lei de Propiedade Intelectual (LPI). Este proceso, sinala a plataforma, prevé o “dereito irrenunciábel” dos editores de prensa a percibir unha taxas de man dos fornecedores de servizos en liña de agregación.
A plataforma, amais de dar a coñecer as devanditas información, tamén lanzou un chamamento a todos o grupo políticos para “promover unha paralización desta tramitación urxente de Lei que se pretende levar adiante sen ter en conta este tipo de impactos económicos e sobre o emprego, en contra da opinión dunha gran maioría de editores, empresas do sector de Internet e preto de 80.000 cidadáns que expresaron publicamente a súa oposición á actual redacción do artigo 32.2”. Asemade, a Coalición leva a cabo unha campaña nas redes sociais (Twitter e Facebook) para divulgar o informe “e todo o referido a esta medida que se podería aprobar esta mesma semana a porta pechada nunha comisión do Parlamento”. Tamén se pode asinar a petición iniciada en Change.org.

PUBLICIDADE