A Cátedra Telefónica da UVigo comezou curso cun completo achegamento ás vantaxes da Industria 4.0

xoves, 29 de setembro do 2016 Redacción

A xeito de arranque das actividades do novo curso, a Cátedra Telefónica da Universidade celebrou este mércores unha Xornada sobre Industria 4.0. A cita foi na Escola de Enxeñería Industrial e nela participaron especialistas de diversos ámbitos neste novo concepto de producir: máis sustentábel, máis eficiente e eficaz, máis rendíbel, menos custoso, mellor xestionado e, en definitiva, máis intelixente. Participaron expertos de Telefónica, do grupo PSA e de Navantia e a eles uníronse o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. Mato e Menéndez coincidiron no frutífero desta colaboración UVigo-Telefónica e fixeron un balance “extraordinariamente positivo” dos tres anos de andaina da devandita colaboración.
Segundo fixeron saber, da Cátedra abrollou ao longo de tres anos un número moi relevante de seminarios, xornadas e conferencias, “que espertaron un elevado interese, sobre todo entre o alumnado”. Destas actividades puxeron como exemplo o congreso Smart Cities, o Foro Tecnolóxico de Emprego ou o encontro Hack for Good, “que tivo un gran impacto tanto dentro como fóra da Universidade”, sinalou Menéndez. Na mesma liña pronunciouse o reitor, que fixo fincapé na “clara vocación da Universidade por colaborar coas empresas e co mundo real”, un eido no que as cátedras se amosan ao seu modo de ver como “un instrumento ideal” de colaboración.
O primeiro dos relatorios correu a cargo do responsábel de Novos Negocios IoT (Internet of Things) de Telefónica Dixital, Alejandro Cadenas, que achegou a visión da súa compañía sobre as claves para o futuro da industria 4.0 en España. A continuación, o responsábel de proxectos de innovación en Procesos do Grupo PSA, Juan José Areal, abordou os cambios que está a sufrir o sector do motor coa incorporación das novas tecnoloxías e a súa adaptación á nova realidade. Logo, o xefe do Departamento de Sistemas para a Enxeñaría de Navantia, Miguel Vilar Montesinos, debullou as vantaxes da aplicación de tecnoloxías de realidade virtual e aumentada ao sector naval (eficiencia, redución de erros de deseño e fabricación e diminución de custes), partindo do exemplo do propio estaleiro, que na actualidade conta con dous centros de deseño virtual. A maiores, Cadenas, Areal e Vilar debateron tamén sobre a relevancia da industria 4.0 para o desenvolvemento industrial galego nunha mesa redonda moderada polo catedrático vigués José Carlos Prado.
De xeito complementario, o catedrático da Universidade de Vigo José Cidrás, director da Cátedra, aproveitou esta xuntanza para informar sobre as actividades que se levarán a cabo ao longo deste ano académico: máis cursos e obradoiros de formación, unha nova edición de Hack for Good e unha vertente de actividade máis marcada cara aos MOOCS, “un eido no que a Universidade xa está a traballar, pero no que tamén é importante contar co asesoramento de Telefónica, sobre todo no referido á formación do profesorado que está interesado en pór en marcha cursos deste tipo”.

PUBLICIDADE