A Casa da Xuventude de Santiago convértese en centro de coñecemento aberto

xoves, 28 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

A primeira xuntanza do Rechuncho Maker en Compostela

A antiga Casa da Xuventude de Santiago salvouse finalmente do derrube (acordado durante o anterior mandato compostelán) e todo apunta a que será un salvamento construtivo: unha nova vida como centro de coñecemento e colaboración cidadá que compense, todo hai que dicilo, unha presenza estética externa discutíbel (pendente de intervención). Dun tempo a esta parte, de feito, o inmóbel semella acubillar máis movemento que en todos os cinco anos anteriores de actividade. Segundo o Concello de Santiago, o movemento aínda irá a máis. O motivo: xa foron seleccionadas as cinco propostas de dinamización residentes neste espazo, coñecido agora como Matadoiro Compostela. As cinco iniciativas (elixidas dun total de 25) desenvolveranse ao remate do verán, até outubro. Logo convocarase o concurso de arquitectura para darlle ao edificio unha renovación e unha viraxe integradora na súa feitura. Entre os proxectos seleccionados atópase o Recuncho Maker.
O Recuncho Maker, impulsado pola comunidade Vermislab, é un espazo para albergar e impulsar unha comunidade de coñecemento aberto, no que persoas de todas as idades poidan aprender, compartir e ensinar nos eidos da tecnoloxía, a artesanía, o deseño, a gastronomía ou a arte. A proposta ten a súa propia web, www.recunchomaker.org, e até o de agora os seus membros establecían as súas xuntanzas no 25 da rúa Caramoniña. Trátase dunha comunidade aberta en todo o senso do termo e participan do ideario dos colectivos de hardware e software libre, pero cunha vontade aínda máis integral, universal e atemporal, abranguendo novas tecnoloxías pero tamén vellos oficios, carpintería, oleiría, papiroflexia, novos materiais, impresión 3D e electrónica.
Outra das iniciativas que vai ter o seu eixe operativo no Matadoiro é Kokedama Colectivo, que impulsará neste inmóbel nun recanto de seu (o seu Refuxio) para impulsar o traballo que leva desenvolvendo desde primeiros de ano desde a Facultade de Ciencias da Educación, a raíz dun proxecto sobre o tratamento de espazos. O seu obxectivo é “reflexionar e investigar sobre a arte e a educación, e deseñar propostas innovadoras aproveitando a potencialidade dos espazos como axentes educadores e como aglutinadores de identidades colectivas”.
O terceiro proxecto residente do Matadoiro Compostela será un Laboratorio aberto de fotografía, proposto por Iván Barreiro. O obxectivo é crear un punto de encontro entre fotógrafos, e crear sinerxias coa Escola Mestre Mateo.
A cuarta iniciativa é Grupo Gráfico, unha proposta interdisciplinar para pór en contacto artistas de diferentes eidos creativos, dende o vídeo e a fotografía até o deseño e a ilustración. Por último, ocupará a antiga Casa da Xuventude o Espazo sen adultos, que, como se indica no seu nome, diríxese a fornecer un espazo de expresión e comunicación para as nosas crianzas. O Espazo sen adultos tamén se encamiña a fortalecer a vea creativa dos máis pequenos a través da arte mural.

PUBLICIDADE