A Cámara de Comercio de Santiago informa este luns do potencial de diversificación e alcance xeográfico do ecommerce

venres, 31 de outubro do 2014 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de anunciar a celebración, o vindeiro luns 3 de novembro, dun obradoiro de balde de iniciación ao comercio electrónico e as redes sociais. A cita será no salón de actos da entidade a partir das 20:30 horas. O obradoiro forma parte dun programa máis amplo da entidade cameral, que centra esforzos en divulgar as utilidades das TIC para aumentar as vendas e a competitividade. Na actividade do luns analizarase o valor da posición web, a publicidade na Rede, a loxística de operacións en contornos dixitais, os aspectos legais de Internet e as cuestións relacionadas coa seguridade nas transaccións económicas.
O obradoiro estará impartido polo consultor de OBZ Consulting Fidel Martín, especializado en procesos estratéxicos e social media. Segundo o experto, o comercio electrónico é unha canle de comercialización moi importante na actualidade debido sobre todo ao espallamento do acceso a Internet, que permite ao cidadán poder mercar produtos ou servizos desde un smartphone. E engade: “Trátase dunha canle de venda que diversifica o público e pode chegar a lugares que non se cubrirían cunha tenda física, convertendo os clientes locais en globais”.
No apartado de redes sociais Fidel Martín centrarase no funcionamento de Facebook e Twitter. Para Martín, a primeira das dúas redes é “o escaparate perfecto para que un comercio, con boa estratexia de venda, poida chegar a un público que só se move nesta contorna e que non se informa a través dos medios offline que usan a mercadotecnia e publicidade tradicionais”. De Twitter, o experto de OBZ Consulting salienta que é a canle de atención ao cliente que está a adquirir un maior desenvolvemento. “As redes sociais proporcionan aos comercios tráfico cara ao seu sitio web, que no fondo é o que nos interesa”, engade.
Este obradoiro forma parte do Plan de apoio ao sector comercial galego 2014, un programa financiado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE