A Cámara de Comercio achega varios cursos TIC ás PEME da área de Compostela

martes, 25 de outubro do 2016 Redacción

Dende a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela chéganos a programación formativa para final de ano encamiñada ás empresas dos trinta e dous concellos da demarcación cameral. Os cursos e xornadas ofertados son de moi diversa índole: informática e novas tecnoloxías, contabilidade e finanzas, recursos humanos, comercio e distribución, busca de emprego, emprendemento, idiomas e formación empresarial. Os obradoiros darán comezo o 7 de novembro, están indicados para as PEME (Pequenas e Medianas Empresas) e centrados en explicar como elaborar un estudo de mercado.
Abrangueranse as principais técnicas de investigación, avaliación das mesmas segundo as características da empresa, coñecemento da relación entre a mercadotecnia e a investigación de mercados e iniciación no deseño dun plan de investigación. Celebrarase entre os días 7 e 10 nas aulas formativas da Cámara de Comercio, de 19 a 22 horas.
Tamén o 7 de novembro dará comezo un curso de contabilidade financeira informatizada, que se celebrará até o día 18, de 20 a 22 horas. A finalidade do mesmo é que os alumnos obteñan coñecementos para levar a contabilidade dunha empresa. A consultoría laboral, fiscal e contábel C&B Asociados impartirá a formación destinada a persoas de departamentos de administración de PEME con coñecementos teóricos. Amais de aprender a manexar un programa informático, analizarase a casuística contábel dunha empresa en funcionamento.
O día 10 de novembro celebrarase o obradoiro: Penso, logo negocio. O cerebro negociador, na sede cameral, de 16 a 20 horas. Nel descubrirase como funciona o cerebro humano no intre de negociar, aprenderase a aplicar principios de influencia social e a tratar con calquera tipo de negociador.
Alén disto, a Cámara desenvolverá o Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE), cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). O dito programa está encamiñado a mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (onde a Cámara se sitúa como punto de inscrición de referencia) de cara a axudalos a inserirse no mercado laboral. Impartirase unha formación troncal sobre tecnoloxías da información e da comunicación, empregabilidade, habilidades sociais e inglés, entre outras formacións.
En canto ao Instituto Cameral de Idiomas de Santiago de Compostela (ICISC), tamén están programados cursos lingüísticos como: cursos preparatorios de certificados oficiais de inglés, francés e alemán (homologados pola University of Cambridge, Institut Français e Goethe-Institut). As clases impartiranse en quendas de luns e mércores e martes e xoves, de 18:30 a 20 ou de 20 a 21:30 horas.

PUBLICIDADE