A CRTVG e os nosos escritores convidan hoxe a un chío colectivo polo libro galego

mércores, 23 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Para quen ande na póla, que sempre pode ser, dicirlle que hoxe celébrase o Día do Libro. Co gallo desta festividade da lectura, diversas entidades da nosa terra están a unir forzas para reivindicar este saudábel hábito e sensibilizar á sociedade galega sobre a necesidade de coidar o libro como fonte de cultura, coñecemento e espírito crítico. Nesta liña insírese a iniciativa desenvolvida pola CRTVG en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), que puxeron en marcha unha campaña no Twitter para conmemorar os libros en galego. Canalizarase a través da etiqueta #EnGalegoLeo e acubillaranse nunha web específica. A iniciativa impulsarase entre as 12 do mediodía e as 2 da tarde.
Ao seu abeiro, amais de animar á comunidade a crear colectivamente un mural de chíos a prol da lectura na nosa lingua, tamén se convida aos participantes a incluír os seus selfies ou autofotos acompañados dos libros en galego que queiran salientar ou comentar. O proxecto non é novo e está en activo dende hai días, máis polo miúdo dende o 16 de abril. Dende esa xornada, o departamento de Innovación e Novas Canles da CRTVG animou ás lectoras e lectores a participar na iniciativa dende unha web propia, ao tempo que lles achegou a posibilidade de expresarse ao abeiro da devandita etiqueta #EnGalegoLeo en Twitter. A estratexia semella que deu resultado e dende o día 16, informa a CRTVG, “xa se teñen twitteado ou retwitteado máis de 2.000 chíos con este hashtag, que tiveron un impacto potencial de máis de 2,2 millóns de impresións”.

PUBLICIDADE