A CNMC renova o seu portal de Open Data

venres, 13 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Ao igual que a Administración galega conta cun portal de Open Data, outras entidades tamén están a facilitar o acceso aos seus datos de xeito libre, e así, a Comisión Nacional do Mercado da Competencia vén de renovar o seu espazo de Open Data incorporando as estatísticas do sector das telecomunicacións (con datos de telefonía móbil, fixa, banda larga e portabilidade).
Esta ferramenta resulta de grande utilidade á hora de consultar os informes periódicos da CNMC, pois non se limita a ofrecer unha copia dos documentos, senón que facilita tamén os datos en bruto, o que fai máis doado o tratamento desta información para extraer conclusións sobre a mesma e poder realizar estudos periódicos ou comparar entre provincias e comunidades autónomas.
Podemos así descargar os informes completos en PDF, documentos ZIP con todas as estatísticas dende 2007 ou datos filtrados por seccións en formatos HTML, Excel, CSV , RTF ou PDF (os formatos poden variar segundo a sección) á vez que a páxina web é unha completa ferramenta para consultar os distintos gráficos que podemos ter grazas a esta información.
Os datos mensuais que podemos consultar proveñen de 8 operadores de fixa e 37 de telefonía móbil, pero son datos non consolidades, pois poden verse sometidos á corrección posterior polo operadores; os informes trimestrais, pola súa banda, recollen moitas máis estatísticas, como datos sobre ingresos, emprega ou o sector audiovisual; mentres que os datos xeográficos, os datos do sector e de infraestruturas de telecomunicación poden consultarse por comunidade autónoma e provincia, aínda que trátase de información de máis antigüidade (actualmente podemos consultar a información sobre 2012).
Esta plataforma de consulta limítase polo momento aos datos sobre telecomunicacións, pero no futuro espera integrar estatísticas de outros sectores como a enerxía.

PUBLICIDADE