A Blogaliza renovarase o vindeiro 1 de maio

mércores, 22 de abril do 2009 Marcus Fernández

O cerne do blogomillo está formado por un grupo moi representativo de blogues dos que boa parte están aloxados nos servidores web da Blogaliza, comunidade que acolle a máis de 1.700 cadernos de Internet en galego que tratan temas moi variados e que conta con máis de 6.000 usuarios rexistrados; e agora esta plataforma está chamada á renovación, e anuncian que para o 1 de maio teremos unha Blogaliza 2.0, que será unha ampliación do servizo de blogues en galego que integrará tamén «novas culturais actualizadas a diario, rede social, convocatorias de animación á creación artística e outros contidos».
Como a Blogaliza non é un servizo pechado, senón que é toda unha comunidade de usuarios, de cara á súa renovación abriron unha bitácora na que recollen propostas de mellora que poidan ir incorporando a esta nova etapa que terá unha chegada progresiva de novos contidos.