A Axenda Dixital 2020 ábrese ás achegas do público

luns, 28 de xullo do 2014 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inicia hoxe a campaña para recoller as ideas e suxestións de toda a sociedade galega no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, aprobado no último Consello da Xunta.
A definición da nova estratexia tecnolóxica do Goberno galego baséase nun modelo de intelixencia colectiva que busca a participación de institucións, axentes económicos, sociais e de todos os colectivos que integran a sociedade galega. Así o explicou esta mañá a directora da AMTEGA, Mar Pereira, durante a presentación da campaña e dos últimos datos sobre a situación da Sociedade da Información en Galicia.

Cinco Desafíos

A campaña busca acadar a colaboración de todos os colectivos e axentes sociais na identificación e resolución dos desafíos dixitais aos que se enfronta Galicia de cara ao Horizonte 2020 e establece dous tipos de actuacións, as dirixidas a expertos, institucións e á propia administración, cuxas achegas se recompilarán a través de entrevistas, xornadas de traballo e envío de formularios; e a destinada a axentes sociais, económicos e colectivos sociais. Esta última articúlase desde o blog AxendaDixital 2020, desde o que se formularán cinco desafíos sobre que medidas ou solucións TIC poderían contribuír a mellorar cinco ámbitos: cidadanía, servizos públicos, empresas, educación e sectores primarios.
A través de blog.adg2020.es calquera persoa poderá achegar as súas propostas aos desafíos, participar nos foros de discusión sobre os mesmos ou simplemente enviar as suxestións que considere a través do enderezo de correo electrónico adg2020@xunta.es.
Os dous primeiros desafíos A que servizos públicos che gustaría acceder a través da Internet? e Que farías en materia de accesibilidade dixital para que todas as persoas poidan facer uso dos servizos públicos dixitais? están abertos desde hoxe e ata o 15 de setembro. A partir do 16 dese mes e ata o 15 de outubro abriranse os restantes retos para os ámbitos da empresa, a educación e os sectores primarios.

PUBLICIDADE