A Aula de e-learning do CESGA cumpre unha década de éxitos

mércores, 13 de xuño do 2012 Raquel Noya

Alá polo mes de xuño do 2002, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) habilitou unha plataforma de e-learning na Rede, para que docentes e investigadores de tódolos ámbitos puideran levar a cabo experimentos en materia das TIC aplicadas ao ensino.
Agora, dez anos despois, o persoal responsable desta Aula CESGA (que así se fixo chamar dende entón) vén de facer reconto dos proxectos e experimentos que se realizaron neste tempo para dar conta das posibilidades ofrecidas polas contornas virtuais para o aprendizaxe, e os datos recadados non son nada pesimistas.
Así, dende CESGA afirman que este servizo estable, ofrecido pola área de e-learning da entidade, conta con case 23.000 usuarios e 800 cursos, aos que se pode acceder dende calquera punto da xeografía.
Con motivo do décimo aniversario da posta en marcha desta plataforma virtual, o pasado venres, día 8 de xuño, celebrouse nas instalacións do CESGA un encontro ao que asistiron usuarios de diferentes ámbitos, para coñecer de primeira man as novidades que ofrecerá a vindeira versión da Aula CESGA para o curso 2012-1013, así como para participar en talleres e visitar as instalacións que acollen o supercomputador Finisterrae.
Esta aula, segundo informan os seus responsables, vén de converterse nun “referente en Galicia” no mundo das plataformas de aprendizaxe e colaboración en liña baseadas en código aberto, posto que, “é a única que ofrece un espazo a investigadores e profesores galegos de calquera ámbito educativo para a experimentación coas TIC, e o traballo colaborativo cos seus alumnos e compañeiros”, puntualizan.
A utilidade desta plataforma virtual de e-learning radica, asemade, na posibilidade de darlle servizo a niveis educativos do máis variado, tales como a contorna universitaria, secundaria, as Escolas Oficiais de Idiomas ou os ciclos formativos, entre outras.

Próxima versión

A próxima versión de Aula CESGA, que se porá en servizo a comezos do vindeiro curso (agosto-setembro), contará con novas funcionalidades, algunhas moi destacadas, tales como un servizo de multiconferencia baseado en BigBlueButton (webminar de código aberto), e unha mellora cualitativa nas funcionalidades existentes como a rede social, o traballo en grupos, a xestión dos contidos formativos e usuarios, etc.
Ademais, segundo informan dende a entidade, o nivel de satisfacción coa plataforma e co servizo de soporte que ofrece o CESGA “seguiu sendo moi elevado”, ao longo dos últimos anos. Os usuarios e usuarias valoran da plataforma a capacidade de ofrecer unha resposta próxima e eficaz aos seus problemas ou dúbidas coa ferramenta. A próxima versión de Aula CESGA “responderá á necesidade de actualización e novas funcionalidades reclamadas polos usuarios”, engadiron.

PUBLICIDADE