A Aula TIC PEME organiza un obradoiro virtual sobre vTigerCRM

mércores, 8 de outubro do 2014 Redacción

A Aula TIC PEME da Universidade de Santiago, Campus de Lugo, está a organizar a nova edición, a oitava xa, dun obradoiro formativo sobre as posibilidades de comunicación (amplas e variadas) profesional-cliente dunha ferramenta de software libre que constitúe unha alternativa independente e aberta, altamente eficaz e competitiva, das plataformas de software privativo SugarCRM e Salesforce.com. Falamos de vTigerCRM, un paquete de recursos que, entre outras cousas, pon ao noso alcance ferramentas de informes, portal para clientes e un plugin para Outlook.
O Taller Virtual sobre Xestión de Relacións con Clientes con vTigerCRM, organizado pola Aula TIC PEME, terá unha duración de 50 horas e un formato “totalmente práctico”. A actividade dará comezo o vindeiro 7 de novembro de 2014 para rematar o 21 de decembro de 2014. O prezo xeral é de 50 euros. Os alumnos e ex-alumnos da Universidade de Santiago de Compostela contan cun desconto do 50% sobre o prezo xeral. En relación cos destinatarios, este curso está dirixido principalmente a PEME e autónomos, pero ábrese tamén a calquera profesional ou estudante interesado na materia.
Ao rematar o curso, outórgase un título acreditativo da aula TIC PEME da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a aqueles participantes que o superaron de forma satisfactoria.

PUBLICIDADE