A Aula TIC PEME organiza dous cursos sobre as ferramentas de xestión Prestashop e Dolibarr

mércores, 19 de marzo do 2014 Redacción

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Aula TIC PEME veñen de anunciar o comezo de dous cursos, dúas actividades formativas que comezan o día 29 de marzo: un obradoiro de Xestión de Tendas Virtuais con Prestashop e outro de Planificación de Recursos Empresariais con Dolibarr ERP.
Indo por partes, o curso de Xestión de Tendas Virtuais con Prestashop -que xa vai pola súa VII Edición- dará comezo o 29 de marzo estendéndose até o 7 de maio de 2014. Empregará a plataforma de software libre Prestashop Cartium. O contido do mesmo incluirá a instalación e posta en marcha da aplicación; a administración dos clientes e dos empregados; a manipulación do catálogo de produtos; a xestión dos pedidos e dos pagamentos; así como a análise estatística dos datos, entre outras ferramentas. Trátase dun obradoiro práctico, baseado en software libre e de código aberto. Impártese ao 100% online a través dun espazo virtual habilitado para tal efecto. Cada semana proporanse unha serie de materiais compostos principalmente por vídeo-titoriais explicativos das temáticas descritas no parágrafo anterior. De tal xeito que cada participante deberá revisar os materiais facilitados e completar as tarefas semanais para comprobar cal é o grao de aproveitamento dos módulos. Así mesmo, cada un dos participantes terá asignado un titor/a, sen superar os catro ou cinco participantes por cada titor/a coa finalidade de que a atención sexa o máis personalizada posible. O titor/a será o encargado/a de levar a cabo a revisión de tarefas e, de ser o caso, propor as melloras oportunas. Doutra banda, os participantes poderán facer uso de dous tipos de titorías: en tempo real (un día á semana fixarase un horario de atención en tempo real a través dun chat) ou titorías en tempo diferido (existirá un foro onde cada participante poderá presentar as súas dúbidas ou consultas, para seren resoltas polo titor/a nun prazo máximo de 48 horas). A continuidade no curso estará condicionada ao seguimento efectivo do mesmo, é dicir, á revisión de material dispoñible e á entrega das tarefas en tempo e forma.
A duración temporal do curso será de 50 horas e terá un prezo de 100 euros. Para aquelas persoas que acrediten ser estudantes da USC, o prezo total do curso será de 60 euros.
Aqueles participantes que, unha vez finalizado o curso, superasen todas as tarefas recibirán un certificado acreditativo da aula TIC PEME da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Para inscribirse existen dúas canles: enchendo un formulario en liña ou enviando un correo electrónico a atpemes@usc.es (cómpre indicar: nome e apelidos da persoa interesada e un teléfono de contacto).
En canto ao outro curso, o de Planificación de Recursos Empresariais -que xa vai pola súa III Edición- comezará o 29 de marzo estendéndose até o 14 de maio de 2014. No devandito curso empregarase a aplicación web de software libre Dolibarr ERP. Consistirá na instalación e posta en marcha da aplicación Dolibarr ERP; a xestión os clientes, os provedores e terceiros; a administración do inventario; o tratamento do proceso comercial e a xestión financeira, entre outras funcionalidades. Trátase dun obradoiro práctico, baseado en software libre e de código aberto.
Impártese ao 100% online a través dun espazo virtual habilitado para tal efecto.
Cada semana proporanse unha serie de materiais compostos principalmente por vídeo-titoriais explicativos das temáticas xa descritas. Cada participante deberá revisar os materiais facilitados e completar as tarefas semanais para comprobar cal é o grao de aproveitamento dos módulos. Asemade, terán asignado un titor/a, sen superar os catro ou cinco participantes por cada titor/a coa finalidade de que a atención sexa o máis personalizada posible. O titor/a será o encargado/a de levar a cabo a revisión de tarefas e, de ser o caso, propor as melloras oportunas.
Os participantes poderán facer uso de dous tipos de titorías: en tempo real (un día á semana fixarase un horario de atención en tempo real a través dun chat) e titorías en tempo diferido (existirá un foro onde cada participante poderá presentar as súas dúbidas ou consultas, co gallo de seren resoltas polo titor/a nun prazo máximo de 48 horas). A continuidade no curso estará condicionada ao seguimento efectivo do mesmo, é dicir, á revisión de material dispoñible e á entrega das tarefas en tempo e forma.
A duración temporal do curso estenderase até as 50 horas e terá un prezo de 100 euros.

PUBLICIDADE