A Aula TIC PEME lánzase a formar a emprendedores e profesionais en tendas virtuais con Prestashop

martes, 3 de febreiro do 2015 Redacción

A Aula TIC PEME (ATP) da Universidade de Santiago de Compostela vén de informarnos da vindeira celebración dun curso de gran interese para os presentes e futuros profesionais galegos do comercio electrónico en calquera das súas manifestacións. Trátase da sétima edición do Curso Online sobre Xestión de Tendas Virtuais empregando Prestashop, unha actividade formativa que se desenvolve cen por cen en modalidade en liña e cuxos materiais docentes atópanse actualizados á máis recente versión estábel da dita plataforma de ecommerce. Segundo engade a Aula, terá unha duración de 50 horas e celebrarase do 20 de febreiro de 2015 ao 27 de marzo de 2015.
O prezo xeral ascende a 50 euros, malia que os alumnos e ex-alumnos da Universidade de Santiago de Compostela poderán gozar dun desconto do 50% no prezo (deste xeito, o prezo do curso sería de 25 euros, cousa ao que cómpre engadir a posibilidade de obtermos descontos importantes para grupos de participantes no curso). A actividade está sobre todo dirixida a responsábeis de Pequenas e Medianas Empresas (PEME), autónomos e, en xeral, calquera outra persoa con interese no potencial de crecemento e innovación empresarial que achega o comercio electrónico. Aqueles participantes que finalicen satisfactoriamente o obradoiro recibirán un diploma acreditativo da Aula TIC PEME da USC. Para as persoas que desexen solicitar máis información sobre a actividade formativa, dicirlles que poderán enviar un correo electrónico a atpemes@usc.es. Para inscribirse e reservar praza é preciso encher un formulario online. A Aula lembra que o número de prazas é limitado. Tamén salienta que está a realizar o sorteo dunha praza para dito curso en Facebook.
O curso, sinalan os organizadores, é un curso inserido plenamente no tempo que estamos a vivir, un contexto “no que o uso da Rede é maior cada día e ante o que as empresas non poden adoptar unha postura de indiferenza e pasividade”. Así, engaden, “coa evolución de Internet e a existencia dos dispositivos móbiles (tabletas, smartphones), os usuarios están de continuo conectados á Rede e, desta forma, poden satisfacer as súas necesidades con tan só un clic”. Entre as consecuencias directas disto figura a seguinte: nos últimos anos, as cifras correspondentes ás vendas de comercio electrónico sobre o total de vendas das empresas españolas víronse incrementadas.
Durante o desenvolvemento deste taller utilizarase a plataforma de software libre Prestashop Cartium. O contido do curso inclúe: instalación e posta en marcha da aplicación, administración dos clientes e dos empregados, manipulación do catálogo de produtos, xestión dos pedidos e dos pagos, análise estatística dos datos e achegamento a outras ferramentas. Trátase dun obradoiro eminentemente práctico, baseado en software libre e, polo tanto, de código aberto. Impártese integramente de forma virtual a través dun espazo en liña habilitado para tal efecto.

PUBLICIDADE