A Aula TIC PEME da USC amosará nun obradoiro os recursos de Facebook para empresas e autónomos

mércores, 22 de abril do 2015 Redacción

A Aula TIC PEME da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) está a preparar xa a segunda edición do seu Taller Virtual sobre Facebook para pequenas e medianas empresas e para autónomos. A actividade, sinalan os organizadores, vai dirixida a PEME e profesionais por conta propia pero tamén a calquera persoa interesada en aprender técnicas e conceptos sobre como tirar partido da dita rede social en beneficio da súa iniciativa de mercado. Igual que o resto das accións formativas da aula, trátase dun obradoiro de vocación práctica, “un taller ao cen por cen”. Haberá vídeos titoriais e actividades prácticas sobre a materia.
Segundo informan os organizadores, o obxectivo é facer visíbeis perante os participantes a rede social Facebook e as súas posibilidades de comunicación e promoción, desenvolvendo unha relación 2.0 cos clientes actuais que permita mellorar a calidade do servizo emprestado e facer medrar o número de ventas.
O obradoiro celebrarase entre o 15 de maio e 15 de xuño, aínda que as datas definitivas están aínda por determinar. O prezo xeral do taller é de 50 euros, pero os alumnos e ex alumnos da Universidade de Santiago disporán dun desconto do 50% no importe da actividade. Por certo que a aula está arestora sorteando unha praza no Facebook.

PUBLICIDADE