A Audiencia Nacional desestima o recurso da EliteTorrent antes as actuacións da Comisión Sinde

mércores, 17 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Tras a aprobación da polémica Lei Sinde-Wert, desvelouse que entre as páxinas denunciadas figuraba a popular EliteTorrent, e hoxe sabemos que a Audiencia Nacional apoiou a decisión da Comisión de Propiedade intelectual desestimando o recurso interposto polo propietario da devandita páxina web de descargas despois de que a Comisión ordenase a retirada de ligazóns a certos videoxogos sobre os que advertira a Asociación Española de Videoxogos (AEVI).
Estariamos ante a primeira vez na que a Audiencia Nacional entra nesta materia, apoiando a decisión da Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual, aínda que a decisión chega bastante tarde, xa que o vindeiro día 1 de xaneiro entra en vigor unha reforma da LPI, que muda considerablemente o escenario legal relativo ás descargas a través da Internet.
De feito, a resolución da Audiencia Nacional deixa en evidencia que a norma actual carecía de sentido, pois aprobouse para conseguir tomar medidas rápidas ante violacións dos dereitos de propiedade intelectual, e vemos como nun dos primeiros casos tratados tardouse máis de 2 anos, polo que non parece que a Comisión teña vantaxes fronte aos trámites xudiciais ordinarios.
Pero a reforma que vai entrar en vigor si parece que vai mudar as cousas, e o responsable do grupo de páxinas web ao que pertence EliteTorrent xa confirmou que EliteTorrent vai abandonar o seu formato actual, e comezará 2015 transformándose nunha rede social de películas e series de televisión, como tamén teñen pensado facer outras plataformas semellantes. Teremos que agardar así para ver se esta nova estratexia mantén as descargas irregulares nunha situación semellante á actual (sorteando a Lei) ou afecta de xeito significativo a estas actividades, o que resulta bastante improbable se temos en conta que o peche dun buscador tan grande como The Pirate Bay careceu de impacto no volume de intercambios a través de P2P.

PUBLICIDADE