A Academia Galega de Ciencias e o CPEIG queren unha investigación máis visíbel

luns, 29 de setembro do 2014 Redacción

A semana pasada uniron forzas en Santiago dúas frontes profesionais ligadas ao coñecemento e ao progreso: as novas tecnoloxías da información por unha banda e as ciencias e a investigación pola outra. O obxectivo foi basicamente o de fomentar máis traballo conxunto e tirar partido do rico potencial de colaboración entre informáticos e científicos, un potencial aplicábel a todas as frontes e a todos os elos das cadeas investigadoras. Sobre isto baseouse o acordo marco asinado entre o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Real Academia das Ciencias. No acto participaron cadanseus presidentes, Fernando Suárez e Miguel Ángel Ríos, respectivamente.
Outro dos obxectivos do convenio foi o de difundir a ciencia na nosa terra, amais de favorece o seu achegamento ao sistema produtivo galego. Máis en detalle, o CPEIG comprometeuse “a colaborar coa RAGC na difusión social da ciencia, especialmente naquelas actuacións tendentes a aproximar o coñecemento ao sector produtivo”. Pola súa banda, a RAGC porá ao servizo do CPEIG o seu coñecemento no eido científico-técnico. Ademais, as dúas entidades poderán acordar concorrer conxuntamente a convocatorias de financiamento público.
O texto rubricado fixa que a RAGC concederalle ao CPEIG “a condición de entidade colaboradora”, que se fará constar explicitamente na súa páxina web, así como nos programas e carteis anunciadores das actividades nas que participen ambas entidades. O acordo, que ten unha vixencia de dous anos, inscríbese na liña de traballo do CPEIG de colaboración con outros organismos a prol dun maior coñecemento do ente colexial e da difusión dunha imaxe positiva da profesión. A sinatura tivo lugar na sala de xuntas do Pazo de San Roque en Santiago, sede da Academia.

PUBLICIDADE