A AMTEGA e o CPETIG colaborarán na nova edición das Xornadas de Informática Xudicial, a cuarta
mércores, 2 de abril do 2014
- Mar Pereira e Marcos Mata durante a sinatura dun acordo de colaboración previo asinado o ano pasado
As
Xornadas de Informática Xudicial do CPETIG
non só son un xeito de asentar na nosa terra o debate sobre o máis
recente en materia de seguridade informática e ciberdelitos, é
tamén unha maneira de situar a Galicia no epicentro mesmo da
reflexión arredor da Rede. Así o entende por suposto o Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e así
tamén o asume a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia, AMTEGA, que vén
de asinar un acordo co CPETIG para colaborar na celebración da
cuarta edición dos encontros. O acordo asinárono este mércores Mar
Pereira (AMTEGA) e Marcos Mata (CPETIG).
Implica,
amais dun traballo conxunto no desenvolvemento das xornadas, accións
formativas concretas sobre protección de datos, eAdministración e
programación para nenos. Para AMTEGA, as xornadas están “a
consolidarse como un punto de encontro periódico
que permite reunir e fomentar o debate entre os diferentes
interlocutores do eido xudicial”. Proba
disto é a participación, na terceira edición do evento, de
persoeiros representativos da loita contra a cibercriminalidade e da
protección dixital dos nosos dereitos e da nosa privacidade como por
exemplo o avogado David
Maeztu, o xuíz Eloy
Velasco, ou o galego Manuel
Álvarez Sobredo, responsábel de implantación do Centro Europeo
contra o Cibercrime (EC3).
A
vindeira edición do evento contará, unha vez máis, con senlleiros
profesionais do eido xudicial da nosa terra (maxistrados, xuíces,
avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos
avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así
como a presentación de casos concretos. En definitiva, as xornadas
permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita
contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a
evolución que están a seguir.
O
convenio, como dixemos, abrangue a celebración de dous seminarios
sobre protección de datos e eAdministración para informar sobre os
aspectos máis relevantes da normativa de protección de datos e da
administración electrónica xudicial, así como dos beneficios da
incorporación e o uso das novas tecnoloxías nos procesos xudiciais.
O
CPETIG tamén organizará un obradoiro sobre programación para
nenos, con software libre, como un xeito de incorporar aos máis
novos á programación informática, con ferramentas específicas
para a formación sobre programación para nenos. A Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia 34.000
euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no
acordo.