A AMTEGA aposta polo investimento privado en proxectos tecnolóxicos

xoves, 5 de xullo do 2012 Raquel Noya

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de asinar un convenio co Foro para a Colaboración entre o Sector Público e o Privado no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Foro CPP_TIC) mediante o que buscar xuntos novas fórmulas que incentiven o investimento privado en proxectos tecnolóxicos ou de base tecnolóxica.
O que se pretende con esta acción é que os e as emprendedoras atopen financiamento para os seus proxectos tecnolóxicos sen ter que botar man dos fondos públicos, contribuíndo así á mellora dos servizos á cidadanía e, de paso, colaborando co empresariado na apertura de novas canles de colaboración para saírmos da crise económica actual.
O acordo establece que ambas entidades colaborarán na difusión de boas prácticas e de casos de éxito deste modelo de cooperación dos sectores público e privado, así como na realización de seminarios e xornadas formativas.
A primeira actividade conxunta levada a cabo ao abeiro deste acordo foi unha xornada informativa dirixida aos responsables de contratación e xestión económica das diferentes consellerías e departamentos autonómicos, na que se explicaron os procesos, aspectos e características do modelo de contratación público privada no eido das TIC.
Segundo informan dende a AMTEGA, “a colaboración público privada está consolidada noutros sectores e áreas de actividade como as infraestruturas, pero non está tan estendida no ámbito das TIC”, é por isto que o convenio vén a cubrir unha necesidade que as empresas do sector viñan reclamando.

Foro CPP_TIC
O obxectivo do Foro CPP-TIC é mellorar as infraestruturas tecnolóxicas do país, fomentando a colaboración entre as diferentes Administracións públicas e as principais empresas TIC. Para conseguilo o Foro serve de canle de comunicación entre as AAPP e as empresas innovadoras interesadas na colaboración público privada.

PUBLICIDADE