55 empresas e colectivos confirmaron xa a súa presenza activa na feira Culturgal

luns, 16 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A feira Culturgal, centrada en dar a coñecer o potencial da nosa industria cultural como motor dunha nova orde de actividade produtiva baseada no coñecemento e na innovación, conta xa, para a súa celebración (do 30 de novembro ao 2 de decembro), co apoio de 55 empresas e colectivos con espazo de seu no recinto (o Palacio de Congresos de Pontevedra). A cifra, avanza a organización, é todo un logro para os tempos que corren, de crise económica e recortes constantes á cultura. De feito, xa se cubriu o 78% do espazo expositivo tres meses antes de que remate o prazo para o aluguer de stands.
Por outra banda, e polo que respecta á Tenda de Culturgal, dicir que os libreiros pontevedreses Manuel Seijas e Anxo Paz, encargados de xestionar o local na edición anterior, resultaron unha vez máis gañadores do concurso para a xestión do espazo común de comercialización. A organización valorou a súa experiencia noutras feiras, que a proposta proveña dun colectivo de empresas e que ambas estean radicadas en Pontevedra.
Volvendo ás entidades que xa confirmaron presenza na feira, dicir que se trata de colectivos e empresas vinculadas ao sector da creatividade e todas elas cunha arela común: dar a coñecer unha longa serie de ideas innovadoras e establecer múltiples e variadas ligazóns de colaboración con outras asociacións e empresas. Esta actividade, sinalan fontes de Culturgal, amosa as claras o potencial da feira como elemento vertebrador que contribúe a xerar ideas, buscar solucións compartidas e visibilizar a importancia do sector como motor económico e como fonte de innovación e emprego cualificado.
Segundo se fan saber nas bases da feira, todas as empresas, persoas, asociacións e outras entidades que produzan, desenvolvan, difundan, xestionen ou comercialicen produtos e servizos culturais no ámbito galego ou dende Galicia poden alugar un stand. O prazo remata o 10 de outubro, pero a organización advirte que os espazos se escollen por orde de contratación e lembra que este ano se ofrecen facilidades no pagamento dos stands, cunha nova opción: as empresas poden formalizar a contratación de espazo en calquera momento por 100 euros e abonar o resto unha vez remate a feira, beneficiándose da oportunidade comercial que supón o propio evento.
A organización de Culturgal quere facer fincapé, unha vez máis, na capacidade que ten o encontro para unir mundos, o antigo e o novo, o analóxico e o dixital, a palabra escrita e a imaxe que viaxa dun aparello a outro: “A gran festa da cultura galega, que en 2011 estivo ateigada de público, encherá o vindeiro inverno unha vez máis a cidade do Lérez de música, literatura, creación audiovisual, danza, teatro, deseño e novas tecnoloxías”. Para quen desexe facer un achegamento máis estreito á realidade do encontro, dicirlle que as redes 2.0 ferven de información e imaxes sobre o evento, dende Flickr a Vimeo, pasando por Facebook e Twitter.

PUBLICIDADE