15 anos de Codigocero.com

luns, 25 de xullo do 2016 Marcus Fernández

No verán de 2001, e para complementar un programa da Radio Galega no que parecía evidente a necesidade de contar cun espazo na web para facilitar a tarefa de remitir aos espectadores a enderezos de Internet (complexos de transmitir oralmente), botou a andar Codigocero.com, páxina web con novas sobre tecnoloxía ao redor da que foron xestándose boletíns informativos e outros contidos que remataron dando pé para a creación da revista Código Cero, e precisamente a data da activación deste espazo na web foi o 25 de xullo, polo que hoxe podemos dar conta de que xa levamos 15 anos informando neste curruncho da Rede na que apostamos decididamente por comunicar en galego para os galegos, tanto do que acontece na nosa terra como do que sucede no mundo dentro do sector que agora coñecemos como TIC.
En todo este tempo contamos con lectores fieis en dixital e papel, subscritores do novos boletín diario, colaboradores diversos e, en definitiva, integrantes dunha comunidade que se mantén viva tras tres lustros, polo que non podemos facer máis que agradecer tal constancia.
Normalmente aproveitamos esta data de celebración para incorporar novidades a este espazo, pero desta volta non quixemos agardar ao último minuto, e levamos varios días cunha páxina web renovada, apostando así por unha mellor visualización no móbil, unha experiencia lectora máis agradable no escritorio informático e, en definitiva, un medio máis acorde ás actuais tendencias do mercado, cunha aparencia máis visual que confiamos que vaia consolidándose nas vindeiras semanas e goce do favor dos usuarios aos que só podemos dicir unha vez máis: grazas!

PUBLICIDADE